A Arquitecta Isabel Aguirre de Urcola, Premio de Ciencia "María Josefa Wonenburger"- 2015, foi a científica convidada este ano para a elaboración do "Manifesto" a favor da ciencia en galego nas bibliotecas, que se edita e se distribúe polas bibliotecas de Galicia. Na presentación, Isabel Aguirre insistíu na importancia das bibliotecas como espazos de depósito do coñecemento, na diferencia entre información e coñecemento e na importancia de aprender a ciencia en galego nas escolas. Incidíu na sorte que temos os galegos de podermos contactar na nosa lingua con millóns de persoas por todo o mundo "algo que deberíamos darlle máis valor".
“Solo el que sabe es libre, y el que más sabe es más libre”.
Miguel de Unamuno
Encántame a definición da ciencia como un sistema de coñecementos
ordenados. Cando os nenos preguntan insistentemente, e ás veces
fastidiosamente, “por que?”, están establecendo as bases dos seus
coñecementos. Amplialos e ordenalos será unha tarefa que poderá
enriquecelos ao longo da súa vida. Porque unha das marabillas do
pracer de aprender é que nunca se termina de aprender.
Penso que todos nós deberiamos de ser conscientes de que construír
un futuro para o noso país é construír un futuro para o mundo, e esa
construción haberá de basearse na sabedoría daqueles que nos
precederon, pero tamén na daqueles que están a traballar, a investigar e
a descubrir todos os días.
Os coñecementos científicos marcan a historia da humanidade no seu
sentido máis amplo, xa que esta non podería entenderse se non o fose
dende o desenvolvemento da tecnoloxía baseada sempre na ciencia:
dende a agricultura á máquina de vapor e aos voos espaciais.
Ao tempo, os humanos temos un instrumento único para á transmisión
do coñecemento: a linguaxe. Unha linguaxe diversa e rica ao longo do
mundo e que para os galegos é especialmente vantaxosa, xa que, unida
ao noso irmán o portugués, podémonos entender con 280 millóns de
habitantes, e aínda máis, cos 400 millóns que falan español. Somos ricos
en número, está claro, pero ademais somos ricos en matices, en xiros, en
sutilezas. Esta riqueza da nosa lingua estou certa de que nos axuda a ver
o mundo dende a reflexión e a dúbida. Non é acaso esta actitude a clave
para nos aproximar ao coñecemento?
A globalización na que vivimos é tamén outra enorme vantaxe para
achegarnos ao coñecemento. Un coñecemento que está recollido
basicamente na inxente bagaxe das nosas bibliotecas, a día de hoxe
moitas delas públicas, e tamén, e cada vez máis, dende a facilidade das
comunicacións informáticas. Hoxe vivimos en Galicia, e dende Galicia
vivimos no mundo.
Isabel Aguirre de Urcola
Arquitecta
Novembro 2016
DÍPTICO