luns, 7 de novembro de 2016

Novembro: Mes da Ciencia en Galego




A Arquitecta Isabel Aguirre de Urcola, Premio de Ciencia "María Josefa Wonenburger"- 2015, foi a científica convidada este ano para a elaboración do "Manifesto" a favor da ciencia en galego nas bibliotecas, que se edita e se distribúe polas bibliotecas de Galicia. Na presentación, Isabel Aguirre insistíu na importancia das bibliotecas como espazos de depósito do coñecemento, na diferencia entre información e coñecemento e na importancia de aprender a ciencia en galego nas escolas. Incidíu na sorte que temos os galegos de podermos contactar na nosa lingua con millóns de persoas por todo o mundo "algo que deberíamos darlle máis valor". 

“Solo el que sabe es libre, y el que más sabe es más libre”. 
Miguel de Unamuno 


Encántame a definición da ciencia como un sistema de coñecementos ordenados. Cando os nenos preguntan insistentemente, e ás veces fastidiosamente, “por que?”, están establecendo as bases dos seus coñecementos. Amplialos e ordenalos será unha tarefa que poderá enriquecelos ao longo da súa vida. Porque unha das marabillas do pracer de aprender é que nunca se termina de aprender. 

Penso que todos nós deberiamos de ser conscientes de que construír un futuro para o noso país é construír un futuro para o mundo, e esa construción haberá de basearse na sabedoría daqueles que nos precederon, pero tamén na daqueles que están a traballar, a investigar e a descubrir todos os días. 

Os coñecementos científicos marcan a historia da humanidade no seu sentido máis amplo, xa que esta non podería entenderse se non o fose dende o desenvolvemento da tecnoloxía baseada sempre na ciencia: dende a agricultura á máquina de vapor e aos voos espaciais. 

Ao tempo, os humanos temos un instrumento único para á transmisión do coñecemento: a linguaxe. Unha linguaxe diversa e rica ao longo do mundo e que para os galegos é especialmente vantaxosa, xa que, unida ao noso irmán o portugués, podémonos entender con 280 millóns de habitantes, e aínda máis, cos 400 millóns que falan español. Somos ricos en número, está claro, pero ademais somos ricos en matices, en xiros, en sutilezas. Esta riqueza da nosa lingua estou certa de que nos axuda a ver o mundo dende a reflexión e a dúbida. Non é acaso esta actitude a clave para nos aproximar ao coñecemento? 

A globalización na que vivimos é tamén outra enorme vantaxe para achegarnos ao coñecemento. Un coñecemento que está recollido basicamente na inxente bagaxe das nosas bibliotecas, a día de hoxe moitas delas públicas, e tamén, e cada vez máis, dende a facilidade das comunicacións informáticas. Hoxe vivimos en Galicia, e dende Galicia vivimos no mundo.

Isabel Aguirre de Urcola
Arquitecta
Novembro 2016

DÍPTICO


1 comentario:

  1. Excelente que noviembre sea el mes de la ciencia.
    A mi me gusta mucho saber la información acerca del Tiempo galicia, siempre me parece muy interesante.

    ResponderEliminar