Amosando publicacións coa etiqueta Olga Novo. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Olga Novo. Amosar todas as publicacións

venres, 23 de outubro de 2015

UNIVERSO DE LIBROS, UNIVERSO DE VACAS. UN TEXTO DE OLGA NOVO PARA O DÍA DA BIBLIOTECA

Olga Novo foi a invitada especial na inauguracción da nosa nova biblioteca no ano 2.012
  
A escritora Olga_Novo, madriña da nosa biblioteca agasállonos no día das bibliotecas e a traves do   Colectivo Lemosle con este marabilloso e entrañable texto: 


  "O célebre escritor arxentino Jorge Luis Borges imaxinou o Universo baixo a forma dunha biblioteca. E soñou tamén cun libro de area que non tiña fin. Eu sempre soñei coa inmensa bibioteca de Alexandría que chegou a conter milleiros de papiros que tiñan, enroledado, todo o saber da Antigüidade.
    
    Pero o meu universo da infancia non tiña libros. O meu universo da infancia tiña vacas. Tamén ovellas, coellos, cans... pero sobre todo vacas. O meu cuarto estaba xusto enriba da corte e escoitaba nas frías noites do inverno, tapada ata os olliños, o son das cadeas ás que estaban presas as vacas e oía os seus bufidos, a súa respiración e as queixas daquelas que estaban a piques de parir.

   Adormecía co seu alento e espertaba tamén co muar madrugador dalgunha delas que xa pedía que a munguiran. O caso é que aquel meu cuarto, xa na mocidade, empezou a albergar algúns libros, exemplares de poesía, libros de historia, manuais de feminismo, biografías, novelas de Tolstoi e Flaubert, humildes edicións baratas dos clásicos, libros mercados cos aforriños e libros regalados con xenerosidade, xoia do ouro do pracer máis prezado; e a inmensa biblioteca entraba no meu cuaro polos soños. Eu acariñaba aqueles libros coma se fosen xentes queridas e debruzada na madrugada sobre as súas páxinas viaxei polo mundo sen saír da pequena aldea, do pequeno cuarto, da pequena cama desde onde oía respirar ás vacas.

   E así foi como aqueles libros do meu cuarto recibiron o profundo perfume das vacas que vivían xusto debaixo e o tecido de papel impregnouse para sempre daquel olor. Aqueles libros viaxaron en maletas a Santiago, á Coruña e mesmo algúns deles viñeron canda min vivir sete anos na Bretaña. Mais ningunha viaxe, ningún lugar, foi capaz de lle arrebatar o perfume: nin o mar da Coruña nin a marusía bretoa se impuxeron ao olor da herba e do alento das vacas.

    Por iso o meu universo de libros foi e será sempre un universo de vacas: a alta cultura leva para min o perfume labrego, o olor potente e profundo da máis fonda sabiduría do pobo".
Olga Novo


domingo, 3 de xuño de 2012

OLGA NOVO: UN AGASALLO DE LUXO

"UN UNIVERSO NOVO PARA ALIMENTAR AS NOSAS INTELIXENCIAS, OS NOSOS SOÑOS E O NOSO FUTURO"

A escritora Olga Novo encheu os corazóns dos presentes cun texto fermosisímo que queremos compartir. Un agasallo moi especial que pasará a formar parte do "novo tesouro do colexio", a biblioteca

http://gl.wikipedia.org/wiki/Olga_Novo

Foto de Alberto López "La Voz de Galicia "