luns, 23 de outubro de 2017

24-O Día das bibliotecas


O Día 24 de outubro celébrase o Día da Biblioteca. Van xa máis de dúas décadas desde que a Asociación Amigos del Libro Infantil y Juvenil propuxera esta data para facer fincapé nos beneficios destas institucións ao servizo da lectura, da cultura e da cidadanía. Posteriormente, o Ministerio de Cultura apoiou esta celebración e todos os anos edítase un cartel cun texto conmemorativo e realízase un acto de celebración oficial. O cartel e"pregón" deste ano 2017 pódese consultar AQUÍ
O departamento de Educación da Consellería de Cultura, Educación e O.U, pola súa parte, vén publicando desde 2008 uns carteis que pretenden facer visibles as distintas oportunidades e posibilidades da biblioteca escolar, porque o Día 24 de outubro é tamén o DÍA DA BIBLIOTECA ESCOLAR, por ser esta unha biblioteca esencial xa que por ela pasa toda a poboación escolar dun país. Cada ano proponse un lema e encárgase a súa interpretación a un creador ou a unha creadora do fértil mundo da ilustración en Galicia. Xosé Tomás é o ilustrador que este ano achega a súa creación a todas as bibliotecas escolares do territorio galego. Aprender a pensar coa biblioteca escolar, o lema elixido nesta ocasión, convida ao aproveitamento dos recursos, dos espazos, dos tempos e das actividades que a biblioteca facilita a toda a comunidade educativa. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario