venres, 10 de marzo de 2017

Homenaxe a unha farmacéutica pioneira do Saviñao e Pantón

A nova edición do certame Mulleres de Lemos dedícase a Balbina López, que rexentou unha farmacia en Escairón

A primeira farmacéutica que tivo o municipio do Saviñao, Balbina López Somoza, é a protagonista da cuarta edición do certame Mulleres de Lemos, convocado pola asociación Lemos Le coa colaboración do centro municipal de información á muller de Monforte. O obxectivo deste concurso é recuperar e divulgar as figuras de mulleres relevantes da historia comarca.
Os personaxes aos que se lle dedican as diferentes edicións do certame son propostos cada ano por algunha das entidades que forman o colectivo Lemos Le. Nesta ocasión tocoulle á biblioteca pública do Saviñao, que elixiu a Balbina López Somoza.
A protagonista da nova edición do concurso naceu en 1910 nunha familia labrega do municipio de Pantón e fixo a carreira de farmacia na Universidade de Santiago, nunha época na que moi poucas mulleres cursaban estudos superiores. Segundo os datos biográficos reunidos pola biblioteca do Saviñao, Balbina López obtivo a licenciatura en 1935 e despois da Guerra Civil abriu en Ferreira de Pantón unha primeira farmacia que rexentou durante un par de anos. Despois trasladouse a Escairón e estableceu outra farmacia da que se ocuparía ata o seu falecemento en 1985. Abriu tamén un botiquín en Currelos para que os veciños da zona tivesen acceso aos medicamentos sen ter que desprazarse á capital do municipio. Ela mesma ocupábase de atender este local os días de feira.

Ningún comentario:

Publicar un comentario