venres, 23 de outubro de 2015

UNIVERSO DE LIBROS, UNIVERSO DE VACAS. UN TEXTO DE OLGA NOVO PARA O DÍA DA BIBLIOTECA

Olga Novo foi a invitada especial na inauguracción da nosa nova biblioteca no ano 2.012
  
A escritora Olga_Novo, madriña da nosa biblioteca agasállonos no día das bibliotecas e a traves do   Colectivo Lemosle con este marabilloso e entrañable texto: 


  "O célebre escritor arxentino Jorge Luis Borges imaxinou o Universo baixo a forma dunha biblioteca. E soñou tamén cun libro de area que non tiña fin. Eu sempre soñei coa inmensa bibioteca de Alexandría que chegou a conter milleiros de papiros que tiñan, enroledado, todo o saber da Antigüidade.
    
    Pero o meu universo da infancia non tiña libros. O meu universo da infancia tiña vacas. Tamén ovellas, coellos, cans... pero sobre todo vacas. O meu cuarto estaba xusto enriba da corte e escoitaba nas frías noites do inverno, tapada ata os olliños, o son das cadeas ás que estaban presas as vacas e oía os seus bufidos, a súa respiración e as queixas daquelas que estaban a piques de parir.

   Adormecía co seu alento e espertaba tamén co muar madrugador dalgunha delas que xa pedía que a munguiran. O caso é que aquel meu cuarto, xa na mocidade, empezou a albergar algúns libros, exemplares de poesía, libros de historia, manuais de feminismo, biografías, novelas de Tolstoi e Flaubert, humildes edicións baratas dos clásicos, libros mercados cos aforriños e libros regalados con xenerosidade, xoia do ouro do pracer máis prezado; e a inmensa biblioteca entraba no meu cuaro polos soños. Eu acariñaba aqueles libros coma se fosen xentes queridas e debruzada na madrugada sobre as súas páxinas viaxei polo mundo sen saír da pequena aldea, do pequeno cuarto, da pequena cama desde onde oía respirar ás vacas.

   E así foi como aqueles libros do meu cuarto recibiron o profundo perfume das vacas que vivían xusto debaixo e o tecido de papel impregnouse para sempre daquel olor. Aqueles libros viaxaron en maletas a Santiago, á Coruña e mesmo algúns deles viñeron canda min vivir sete anos na Bretaña. Mais ningunha viaxe, ningún lugar, foi capaz de lle arrebatar o perfume: nin o mar da Coruña nin a marusía bretoa se impuxeron ao olor da herba e do alento das vacas.

    Por iso o meu universo de libros foi e será sempre un universo de vacas: a alta cultura leva para min o perfume labrego, o olor potente e profundo da máis fonda sabiduría do pobo".
Olga Novo


Ningún comentario:

Publicar un comentario